IES ROSALÍA DE CASTRO

Actividades de decembro


Club de Lectura Coeducativo: A maleta violeta

O último luns antes das vacacións de Nadal tivemos a terceira xuntanza do club de lectura coeducativo xa que en novembro reunirámonos por segunda vez para a posta en común das obras de Chimamanda Ngozi Adichie, chegando á conclusión de que estabamos ante dous ensaios breves, pero moi intensos, que constitúen dúas lecturas imprescindibles para iniciármonos na reflexión feminista.

Nesta reunión do 16 de decembro procedemos ao reparto de libros da maleta violeta ou maleta de igualdade. Trátase dun recurso ofertado pola Secretaría Xeral de Igualdade a través do CAFI e que o noso centro xa solicitara o curso pasado. Máis de trinta títulos de todos os xéneros: ensaio, narrativa, poesía, teatro e banda deseñada, nos que se tratan temas relacionados coa corresponsabilidade, a diversidade, o empoderamento, os estereotipos, a identidade de xénero,…

O alumnado puido ver as obras, ler as capas e decidir que obra ou obras ían levar en préstamo para ler, nalgún caso quedaron en intercambialas nas vacacións. Á volta quedamos en ter un encontro no que cada quen exporía (sen adiantar demasiado do contido) unha valoración e análise da ou das obras lidas e indicaría se lles recomendaría ou non a súa lectura ao resto de compañeiras e compañeiros.

A actividade foi valorada de xeito moi positivo polxs participantes. Destacaron que era unha oportunidade de coñecer moitos títulos relacionados coa coeducación e unha forma de achegarse a xéneros que habitualmente non forman parte das súas preferencias.

Maio 2020
M T W T F S S
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Categorías