IES ROSALÍA DE CASTRO

Actividades de febreiro


Mércores 12: Grupo de alumnado de igualdade e apoio á diversidade afectivo-sexual

A comezos de febreiro convocouse a primeira reunión de alumnado que quixese formar parte dun Grupo de igualdade e de apoio á diversidade afectivo-sexual no centro. Esta primeira xuntanza era só para o alumnado de 3º e 4º de ESO e de Bacharelato. A idea era botar andar o grupo e que logo fose este mesmo alumnado quen levase a iniciativa co grupo dxs de 1º e 2º de ESO, que ademais non comparten o mesmo horario de recreo, polo que as convocatorias tiñan que ser necesariamente distintas.

A xuntanza celebrouse nunha aula que estaba ateigada de rapaces e rapazas que manifestaron o seu desexo de participar en actividades relacionadas coa coeducación e con calquerea tipo de iniciativas que contribúan a acadar a visibilización, a non discriminación e o respecto á diversidade afectivo-sexual no noso centro.

Fixéronse propostas e marcáronse obxectivos , pero o tempo do recreo foi escaso, polo que se quedou nunha segunda xuntanza antes do remate do segundo trimestre para, no terceiro, formar o grupo do alumnado máis novo do instituto.

Venres 14: Celebrando o amor diverso e igualitario

O 14 de febreiro, día de San Valente, adoita ser un día para celebrar o amor, mais a idea do amor que se nos transmite desde a publicidade, as redes, algúns medios de comunicación… adoita basearse nun modelo de relacións afectivas ideais, desiguais e contemplando unha única orientación. No IES Rosalía de Castro quixemos darlle a volta e celebrar nesta data outro tipo de amor.

Durante o mes de febreiro o alumnado de 3º de ESO estivo traballando cos mitos do amor romántico e, despois de bastante reflexión, realizaron uns cartaces con lemas e ilustracións que desmontaban estes mitos. Algúns deles foron: “O amor durará ata que nós queiramos”, “Non son unha media laranxa” ou “O amor é diverso como as persoas”. Estes venres 14 de febreiro expuxéronse os traballos e durante toda a mañá colocouse un photo-call con cartaces con estes lemas para que todo o alumnado e profesorado que quixese fixese unha foto. O resultado pódese ver no vídeo ao que remite o seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=obWeXKVeRaY

Venres 28: Quererse ben é revolución

Neste último día de febreiro todo o alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu á charla: “Quererse ben é revolución” impartida pola sexóloga Martina López Veiga. Nela falouse das relacións na adolescencia e mediante unha sesión que foi moi participativa os rapaces e rapazas destes cursos reflexionaron sobre como se informan de cuestions relacionadas coas relacións sexuais e afectivas.

Temas como a pornografía e o seu uso indiscriminado ou o perigo das redes sociais, derivado dun mal uso, tamén foron tratados nesta sesión, na que as alumnas e alumnos puideron facer preguntas e expresar opinións.

Á saída moitxs indicaron que fora demasiado curta e que formación deste tipo tiña que ser máis habitual no sistema educativo.

Maio 2020
M T W T F S S
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Categorías